Camiño Portugués por estrada

Entre os días 9 e 11 de marzo o equipo Xacobeo Galicia cubriu o Camiño de Santiago, pola ruta portuguesa, entre Lisboa e a cidade de Compostela. O traxecto realizouse utilizando bicicleta de estrada, debido a que os ciclistas atopábanse xa en plena tempada e, por outra banda, buscábase tamén que a actividade servise de adestramento para as próximas competicións.

  • Itinerario primeira etapa
  • Itinerario segunda etapa
  • Itinerario terceira etapa
  • FOTOS

  • Logo de varias experiencias moi satisfactorias no Camiño Francés, tomouse a decisión de aproveitar un oco no calendario de carreiras para abordar esta nova ruta. O itinerario total duns seiscentos quilómetros repartiuse en tres etapas, porque tampouco se podían ocupar máis días nesta actividade.

    Características do terreo
    O terreo desde Lisboa ata Ponte de Lima é moi levadío. Os únicos portos que houbo que superar apareceron entre esta cidade e a fronteira con Galicia (ningún deles posiblemente alcanzaría a categoría de segunda). Unha vez cruzado o Miño, o terreo ata Santiago, aínda que é máis rompepernas, tampouco ofrece obstáculos de consideración.

    Douscentos quilómetros diarios, sobre o papel, con esas condicións orográficas non parecen un reto esaxerado para ciclistas adestrados, pero na realidade a cousa cambia un pouco, porque todas as medias que se poidan prever, acaban desfasándose polo tráfico, as rotondas e as dúbidas que van xurdindo na ruta sobre o itinerario. Que dicir se ademais algunhas estradas atópanse cubertas pola auga das abundantes choivas dos días anteriores, obrigando a dar algún rodeo.

    Se sé quere gozar do percorrido, o mellor é programar etapas non superiores aos 150 quilómetros, pois por uns e outros motivos as medias van estar seguramente máis preto dos vinte que dos trinta quilómetros por hora.

    Circulación das bicicletas por estrada en Portugal
    No momento de marcar o itinerario, establecemos as rutas máis curtas. En Portugal as bicicletas poden ir polas estradas locais, nacionais e polas IC cuxo itinerario coincida co dunha antiga estrada nacional (IC - N). Rodando por unha IC - N, de cando en cando haberá que saírse para incorporarse máis adiante. Polo xeral hai que abandonalas nas proximidades das poboacións, cando se converten tamén en aneis de circunvalación. Nestes casos a opción para as bicicletas e atravesar o casco urbano para retomar a IC - N na saída. Eses tramos están ben sinalizados. Obviamente, non se pode circular en bicicleta polas vía de peaxe (autoestradas), que en Portugal reciben o nome de IP.

    A poboación de Portugal concéntrase dun modo moi notorio na franxa litoral desde Lisboa cara arriba. Iso significa que o tráfico nas principais arterias é denso, e as beiravías tampouco abundan. Adoita haber algunhas alternativas a estas vías por estradas secundarias, pero iso vai supor máis quilómetros. Se sé vai con tempo, seguramente merecerá a pena buscar estas rutas alternativas. Outra opción sería ir máis cara ao interior do país, pero neste caso os quilómetros incrementaranse notablemente e o terreo é moito máis agreste.

    Primeira etapa: Lisboa - Curía
    A saída deuse desde o Centro Galego - Xuventude de Galicia en Lisboa, no corazón da cidade, moi preto do Rossio e Santa Xusta. Fomos moi familiarmente recibidos polos membros da xunta directiva desta entidade, que nos amosaron a súa fermosa sede no centro histórico da capital de Portugal.

    O seleccionador de Portugal, José Poeira, guiounos na saída da cidade ata coller a N 10 en dirección Santarem. Nos primeiros 50 quilómetros o tráfico foi denso. Unha dificultade engadida foi a sinalización das estradas, moi escasa para o que estamos afeitos en España. Sairamos tarde de Lisboa e, por enriba, atopámonos con algunhas zonas nas que o río Taxo desbordouse, cubrindo de auga algunhas estradas. Este día acabou facéndosenos noite no camiño.

    De todos os xeitos, é unha etapa na que pode gozar o cicloturista de roda estreita, sobre todo indo acompañado, porque o terreo invita a rodar e a contorna ofrece moitos atractivos. Saír de Lisboa un domingo ou festivo podería ser unha medida acertada se non se quere coller moito tráfico nos primeiros cincuenta quilómetros, que é cando hai máis saturación.

    Segunda etapa: Curía - Ponte de Lima
    A segunda etapa foi desde Curía ata Ponte de Lima. O equipo rodou ata Porto pola IC2 - N I. A estrada ofrece unha boa beiravía en moitos tramos e conseguiu imporse un bo ritmo. O tráfico pesado e algúns tramos onde desaparecen as marxes laterais da calzada foron os principais inconvenientes. Preocupaba o paso polo Porto, polas presas, pero coa axuda do ex ciclista Quintino Rodrigues, puidemos bordear a cidade sen grandes complicacións.

    Logo de cruzar a ponte de Dom Luís, fomos á dereita pola beira do Douro, seguindo a circunvalación. Aínda que o aconsellable -o obrigado, indo con tempo- é deterse en Porto, contemplar as vistas sobre o río e atravesar as súas rúas máis céntricas.

    Á saída da cidade o camiño cara a Ponte de Lima ten dúas opcións con distancias moi similares. Unha por Barcelos e outra por Braga. O equipo colleu esta última ruta.

    Terceira etapa: Ponte de Lima - Santiago de Compostela
    Ponte de Lima é unha fermosa localidade, bañada polo río que lle dá nome. A primera sensación e de que Galicia descende ata esta vila. As aparencias paisaxísticas son tan similares que un territorio fúndese no outro, sen costuras nin rastros visibles de fronteiras.

    Os ciclistas saíron cruzando a Ponte Velha sobre o río Limia. Logo todos xuntos afastámonos pola estrada N-201. A previsión inicial era seguir un camiño algo máis directo a través da Serra Labruja, pero a opción da N-201 foi moi acertada, porque a través dunha fermosa paisaxe e entre talleres de canteiros que traballaban a pedra ao detalle, fomos avanzando por unha boa estrada e case sen tráfico, ata Vilanova de Gaia.

    O terreo inicio desta etapa foi o máis accidentado nos tres días. Un par de portos de pendentes tendidas e algúns repeitos antes de descender ata o Miño, coa idea de chegar a Galicia por Goian (Tomiño).

    Unha vez cruzada a fronteira seguimos o itinerario da costa, que as institucións provinciais e autonómicas están promocionando. Esta ruta é máis larga que polo interior, pero, se sé vai con tempo, paga moito a pena. En bicicleta o percorrido ata chegar a enlazar coa ruta tradicional en Redondela, pasando pola Guarda, Baiona e Vigo ofrece unha gran beleza paisaxística.

    Desde Redondela, o camiño ata Santiago ofrece suxestivas paradas en Pontevedra, Caldas e Padrón, entre outros lugares. Xa na cidade do Apóstolo, entrando polo sur, o ideal chegarse á Alameda e desde alí ter a primeira visión da catedral de Santiago, que é desde onde está tomada este ano a foto do equipo.

    Estamos, en definitiva, ante un itienerario para bicicleta de estrada (ademais da opción de montaña) moi atractivo e con posibilidades de converterse na primeira gran ruta internacional europea, a pouco que as autoridades tomen conciencia diso e establezan unhas vías polas que os usuarios destes vehículos poidan circular cunha mínima seguridade. Co valor engadido para aqueles que percorran o Camiño Portugués por motivos relixiosos, de poder unir Lisboa, Fátima y Santiago.

    Imprimir Enviar


    © Fundación Ciclismo Galego

    Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

    RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?