Novas
LEMBRANDO A SUBIDA Á BÓLA DO MUNDO
Colofón e resumo gráfico da Volta Ciclista á Comunidade Madrileña
[ 20/07/2010 ] Ofrecemos un resumo gráfico da XXIV Volta Ciclista á Comunidade de Madrid e repetimos tamén o enlace ás imaxes da subida que realizaron varios ciclistas do equipo con Álvaro Pino á Bóla do Mundo, porto inédito no ciclismo, que se subirá por primeira vez o 18 de setembro na penúltima xornada da Volta a España.
Fotos Volta Madrid 2010
Fotos subida á Bóla do Mundo

Volta a Madrid
A Volta a Madrid iniciouse cunha contrarreloxo na Casa de Campo o 17 de xullo, ás dez da mañá, cando aínda non se fora o suave frescor que foi xurdindo na noite entre o denso arboredo, axudado pola ampla lámina de auga do estanque próximo, dando unha acolledora benvida á caravana ciclista. Aínda que a calor iría gradualmente en aumento coa saída de cada corredor.
Bo ambiente e un público maioritariamente activo: nenos e maiores que se achegaron á Casa de Campo para pasear coas súas bicicletas ou correr a pé na mañá do sábado.
Previamente estivéranse celebrando sobre o mesmo percorrido os campionatos de España de ciclismo adaptado. Nunha clasificación global hipotética entre as disciplinas paralímpicas e a competición de ciclismo profesional, os participantes primeiros sairían gañando moi amplamente en afán de superación. Todo un exemplo.
A primeira xornada tivo un segundo sector vespertino o mesmo sábado, sobre catro voltas a un circuíto de pouco máis de vinte quilómetros, con saída e meta en Coslada. A calor, ao redor dos trinta e oito graos, e o forte ritmo de carreira, case corenta e seis quilómetros por hora, foron a tónica dominante desta segunda etapa.
A etapa decisiva da Volta a Madrid celebrouse o domingo pola mañá, con final no alto da Morcuera, a cuxo pé se atopa a localidade de Miraflores de la Sierra. Saíuse de Alcobendas e as temperaturas tamén foron altas durante a etapa. Só suavizaron cando se comezou a coller altitude na subida do último porto. Pero para entón é posible que os ciclistas non apreciasen ese alivio termométrico, dada a esixencia da subida.
Na saída en Alcobendas tamén visitou ao pelotón o ex ciclista Martín Perdiguero. Dese modo decatámonos algúns de que o madrileño conseguiu sobrevivir ao programa de televisión "Superviviente", onde foi un dos participantes da última edición. E polo bo aspecto que presentaba, diríanse que pasando menos fatigas que na súa época de corredor.