Novas
DISPÚTASE O DOMINGO
O Xacobeo Galicia decidiu o equipo para a Clásica de Ordizia
[ 21/07/2010 ] O Xacobeo Galicia presentará o domingo na Clásica de Ordizia un equipo liderado por Ezequiel Mosquera para facer fronte aos 167,5 quilómetros e aos sete portos de terceira categoría que inclúe o percorrido da carreira vasca. A formación do equipo galego completarana: Gustavo Domínguez, Gonzalo Rabuñal, Marcos García, Delio Fernández, Vladimir Isaychev, Gustavo Rodríguez, Alberto Fernández, Francisco J. Pacheco e José Antonio De Segovia.

Ezequiel Mosquera
Ezequiel Mosquera empezou a súa preparación para a Volta a España cun quinto posto o pasado fin de semana na Volta a Madrid, que o propio ciclista considerou como bo punto de arranque, tendo en conta que falta aínda máis dun mes para que se poña en marcha en Sevilla a rolda española.
A Clásica de Ordizia ofrece un terreo bastante esixente, con cinco subidas ao alto de Abaltzisketa e outras dúas ao porto de Altzo, ambos de terceira categoría, para contabilizar un percorrido con sete dificultades orográficas. Sobre ese terreo crebado o equipo galego poderá dispor doutras bazas, ademais de Ezequiel Mosquera.
En realidade, entre os integrantes dos catorce equipos participantes poderase completar un amplo elenco de candidatos ao triunfo, por canto que o trazado da carreira preséntase bastante esixente pero non excluínte, para ofrecer un prognóstico moi aberto, do que fala en por si o palmarés da carreira.
Os técnicos do Xacobeo Galicia, neste caso Jesús Blanco Villar, terán oportunidade, doutra banda, de seguir acumulando datos sobre a evolución do estado de forma dos seus corredores de cara a seguir perfilando o equipo para a Volta a España.