Novas

AO FONDO, FUENTES DE INVIERNO

A amizade imposible ten unha oportunidade na cima do Tourmalet

[ 23/07/2010 ] Dous ciclistas subían o Tourmalet á vez e entre a néboa, ao máximo de pulsacións, alleos ao bulicio do xentío e co instinto recíproco de fulminarse deportivamente, a pesar de que uns días antes volveran a renovar o seu compromiso de amizade, gretado polos últimos avatares da carreira. A dez quilómetros da cima, unha distancia considerable cando se trata de escalar un coloso que excede os dous mil metros de altitude, quedáronse sos na cabeza de carreira ambos os ciclistas, os dous máis fortes do Tour.

No cumio do Tourmalet

No cumio do Tourmalet

Disputábanse o trono de París, o máis cobizado de cada tempada. Tras catro quilómetros de impetuosos ataques e de férrea resistencia, a fatiga empezou a ser tan perceptible como a propia néboa. Un contraataque electrizante, e a dor de pernas e a sensación de asfixia de ambos os contendentes subiron a límites dificilmente soportables.

Un momento de tregua para tomar alento, para reformular a estratexia. Unha primeira mirada de esguello ao rival, unha segunda non disimulada, unha proposta tímida de colaboración, unha esixencia de palabra, un xesto co brazo e unha negativa tras outra. Un equilibrio difícil entre a néboa, sobre dúas rodas, entre temerarios e estrambóticos espontáneos e no medio dun bulicio atronador, en busca da cima do Tourmalet. Dous ciclistas e un único destino, a vitoria absoluta. Dúas posicións firmes e antagónicas e unha amizade que se balancea nunha pompa de xabón.

Nadal e Federer son a excepción. Non pode haber unha amizade verdadeira entre os máis grandes. Esa parece ser a conclusión. Pero no límite da resistencia, adoita chegar un instante para a reflexión. Sole aparecer cando o ansia de gañar tropézase co instinto de supervivencia. É neses momentos cando ao gran botín, antes único e indivisible, empezan a vérselle as costuras que poderían facilitar unha razoable partición, ocultas antes tras un irrefreable e, doutra banda, saudable afán de vitoria.

"Estamos sos, cunha considerable vantaxe sobre todos os demais. Podemos seguir esfolándonos e deixar que os de atrás nos pasen por enriba ou empezar a descoser as costuras do triunfo para repartírnolo en dúas partes razoables". Non o din, pero pénsano. Dáo a entender o seu pedaleo máis sostido, sen grandes cambios de ritmo, os seus xestos máis confiados. Confírmao esa inercia coa que se deixan levar na liña de meta, e ese abrazo nada máis traspasala, que sostén unha amizade que uns quilómetros antes parecía imposible.

Fuentes de Invierno
Por mor desta pasaxe, que quedará para a historia do ciclismo, volvemos ao episodio que protagonizaron o líder do Tour e Ezequiel Mosquera en Fuentes de Invierno, na Volta a España de 2008. Máis que nada porque a semana pasada nun xornal facíase referencia ao caso, comparándoo coa avaría mecánica de Andy Schleck e o ataque de Contador.

No comentario insistíase que este último ciclista actuara ben no porto asturiano "non deixando gañar ao ciclista do Xacobeo Galicia". Son ganas de terxiversar a realidade, primeiro, porque Ezequiel Mosquera xa non chegou a meta con opción de gañar a etapa, e en segundo lugar, porque o que realmente se lle reprochou a Contador foi que, quedándose só co seu compañeiro de equipo Leipheimer e con Mosquera, ante un ataque de este último, non lle dese un só relevo para distanciar a outros rivais máis directos, senón que se mantivo todo o tempo a roda para atacar na entrada do último quilómetro.

Ese xesto en ciclismo non honra a un grande, por máis que forme parte xa do pasado e que non desempoariamos se non fose pola contumacia dalgúns en disfrazar a realidade a súa conveniencia.


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?