Novas
MOSQUERA ENCABEZA A FORMACIÓN GALEGA
O Xacobeo Galicia presenta en Ordizia un equipo con altas aspiracións
[ 24/06/2010 ] O Xacobeo Galicia disputa mañá domingo, a partir das 10.00 horas, a oitenta e sete edición da Clásica de Ordizia. O equipo galego participará con dez corredores: Ezequiel Mosquera, Gustavo Domínguez, Gonzalo Rabuñal, Marcos García, Delio Fernández, Vladimir Isaychev, Gustavo Rodríguez, Alberto Fernández, Francisco J. Pacheco e José Antonio De Segovia.

Xacabeo Galicia
A dirección deportiva na carreira vasca asumiraa Jesús Blanco Villar, que confían nunha boa actuación do equipo. "Os corredores están moi animados. Ezequiel Mosquera vén de facer quinto xa na Volta a Madrid, e logo hai outros corredores como Marcos García ou Gustavo Rodríguez que tamén o poden facer ben nesta carreira", comentou o director deportivo do Xacobeo Galicia.
"O percorrido é o tradicional doutros anos, con sete portos de terceira categoría; en xeral, dálle opcións a todos os corredores do equipo, incluído Francisco Pacheco. Este é máis sprinter, pero vén con gañas, porque será un dos que correrán a Volta a Portugal, que comeza o 4 de agosto, e quere probarse xa en Ordizia", engadiu. A distancia a cubrir será de 165,7 quilómetros.
O Xacobeo Galicia será unha das catorce formacións que disputen este ano a carreira guipuscoana. A nivel individual, o equipo galego terá rivais moi cualificados, como os locais Igor Antón e Intxausti (Euskaltel), David Arroyo, segundo no Giro de Italia, e Pablo Lastras (Caisse D´Epargne); Francisco Mancebo (Heraklion Kastro - Murcia); Pardilla, recente gañador da Volta a Madrid, e Ventoso (Carmiooroo); Angel Vicioso (Andalucía - Cajasur), José Herrada (Caixa Rural) ou o hispano - suízo David Vitoria (Footon), entre outros.