Novas

O XACOBEO GALICIA PROBARÁ A TORRES E ESTÉVEZ EN BURGOS E PORTUGAL

Álvaro Pino: "O importante é que nos convenzan de que poden estar no equipo os próximos anos"

[ 26/07/2010 ] Os técnicos do Xacobeo Galicia tomaban a decisión fai unhas semanas de probar en competición oficial a dous novos valores do ciclismo amateur galego, Aser Estévez e Pablo Torres. Estes dous ciclistas xa teñen calendario para o seu debut no pelotón profesional, ambos o farán o mesmo día, aínda que en escenarios diferentes.

Aser Estévez

Aser Estévez

Pablo Torres

Pablo Torres

Aser Estévez (A Guarda-Pontevedra: 19/07/1988), do C. C. Spol-Caixanova, correrá a Volta a Portugal, que se celebra do 4 ao 15 de agosto; mentres que Pablo Torres (Cambre - A Coruña: 28/11/87), do Caixa Rural, disputará a Volta a Burgos, do 4 ao 8 de agosto.

O Xacobeo Galicia con esta nova chamada a dúas promesas do ciclismo galego ratifícase na súa liña de seguir apostando pola canteira. Con Pablo Torres e Aser Estévez serán doce os ciclistas amateurs galegos que ficharán ou terán realizadas probas co equipo profesional nestas catro tempadas.

A cifra é especialmente relevante tendo en conta que a ela hai que engadir outra longa relación de corredores que foron repescados do pelotón profesional portugués e que o nivel de ‘corte’ ten que manterse sempre nunhas marxes altas, impostos pola competitividade do pelotón internacional.

Álvaro Pino
O manager - director deportivo do Xacobeo Galicia, Álvaro Pino, ten claras as pautas a seguir con Pablo Torres e Aser Estévez nesta proba que lles fará o equipo profesional galego a principios de agosto:

"Loxicamente non lles podemos pedir resultados, pero si imos valorar a actitude que demostren en carreira e o grao de adaptación á competición con profesionais, porque ata agora tiñamos referencias de como se desenvolvían no pelotón amateur. Eles, á súa vez, deben ver esta convocatoria como unha oportunidade moi importante. Teñen o exemplo de Marcos García, que probou e gañouse un posto no equipo. Eu espero que Torres e Aser Estévez fagan o propio", expuxo, de inicio, Álvaro Pino.

"Tanto a Volta a Burgos como a Volta a Portugal, carreiras nas que debutarán, son dun nivel de esixencia alto polas características dos percorridos e polo nivel de participación. Iso terémolo en conta, polo que, insisto, valoraremos sobre todo a actitude en carreira e o grao de adaptación", recalcou o manager - director deportivo do equipo profesional galego.

"Este tipo de convocatorias permite establecer, ademais, referencias dentro do propio cadro de ciclistas do equipo, medindo a ilusión e a actitude dos que están coa daqueles que queren buscarse un oco no pelotón profesional. Por iso que para os actuais ciclistas do equipo debe constituír tamén un acicate", seguiu dicindo.

"A proba, en principio, farase nas dúas carreiras mencionadas. Cabería a posibilidade de que disputasen algunha máis antes do final de tempada, pero iso estaría en función de como acabasen en Burgos e Portugal, porque tampouco convén esixirlles demasiado. O importante sería que nos convencesen nestas primeiras carreiras programadas de que poden estar no equipo nos próximos anos", declarou, finalmente, Álvaro Pino.


Imprimir Enviar


© Fundación Ciclismo Galego

Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web

RSS: Novas Axenda | Que é o RSS?