Novas
A PROBA OFRECE UN FINAL MÁIS SELECTIVO ESTE ANO
O Xacobeo Galicia volve ao calendario Pro Tour na Clásica de San Sebastián
[ 30/07/2010 ] O ciclismo regresa ao calendario Pro Tour coa Clásica de San Sebastián, e neste retorno o Xacobeo Galicia será un dos tres equipos invitados pola organización, os cales veranse literalmente rodeados polos dezaoito da máxima categoría do pelotón internacional. Todos eles, vinte e un en total, tomarán a saída mañá sábado ás 11.10 horas desde o Boulevard donostiarra.

Ezequiel Mosquera
Para esta cita de altos voos o equipo profesional galego contará con: Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo C. Veloso, Gonzalo Rabuñal, Serafín Martínez, Delio Fernández, Marcos García e Alberto Fernández, que deberán facer fronte a un amplo elenco de figuras, moitas delas chegadas case directamente do Tour coa ambición de non desaproveitar o punto de forma que lles proporcionaron tres semanas de intensa competición por terras galas.
Os participantes no último Tour de Francia chegan á carreira donostiarra co ‘motor’ aínda quente, e en teoría un pouco máis adaptado para ofrecer as altas prestacións que demanda a carreira donostiarra nos seus douscentos quilómetros de percorrido e ese final marcado polos altos de Jaizkibel e Arkale, ofrecidos en ración dobre, e esa é unha novidade importante no percorrido deste ano, como es os organizadores quixesen cribar aínda máis o acceso ao podio da carreira.
Os ciclistas do Xacobeo Galicia, á súa vez, teñen sinalada esta cita como un dos puntos de referencia para medir a súa posta a punto no camiño cara á Volta España, polo seu grao de esixencia similar ao da rolda española e logo dunhas primeiras competicións de rodaxe na Volta a Madrid e Ordizia.
Os vinte e un equipo participantes serán: Saxo Bank, Caisse d?Epargne, Euskatel-Euskadi, Xacobeo-Galicia, Astana, Team Milram, THC-Columbia, Phooton-Servetto, Quick Step, Radio Shack, Liquigas-Doimo, AG2R A Mondiale, Rabobank, Omega Pharma-Lotto, Lampre-Farnese, Andalucía-Cajasur, Team Kathusa, Française deas Jeux, Cervelo, Sky PTC e Garmin