Novas
ENSAIO POSITIVO NA CLÁSICA DE SAN SEBASTIÁN
O Xacobeo Galicia, cuarto por equipos entre a elite do pelotón internacional
[ 31/07/2010 ] O Xacobeo Galicia cumpriu as expectativas no esixente test que se expuxo na 29 edición da Clásica de San Sebastián, ao lograr un excelente cuarto posto por equipos fronte ás máis poderosas formacións do panorama ciclista internacional. A disputa da vitoria individual foi un asunto que estivo sempre en mans dos ciclistas chegados do Tour de Francia, con Luís León Sanchez (Caisse D´Epargne) vencedor ao sprint, por diante de Vinokourov (Astana) e Carlos Sastre (Cervelo).
Álvaro Pino: "A valoración é positiva, pero o equipo para a Volta decidirase en Burgos e Portugal"

David García
O equipo galego expúxose esta carreira como un primeiro gran ensaio a fondo para empezar a definir o equipo con vista á Volta a España. A verdadeira medida chegou cando a carreira guipuscoana se precipitou cara a un final moi violento a partir de quilómetro 150, porque antes o pelotón deixara que fosen abrindo camiño, en fuga, Pierre Cazaux (Francaise deas Jeux), Montenegro (Andalucía-Cajasur) e Florencio (Cervelo), que chegaron a dispor de rendas superiores aos oito minutos de vantaxe. En recompensa, o corredor do equipo andaluz acabou anotándose metas voantes.
Coincidía esa aceleración da carreira coa primeira das dúas ascensións ao alto de Jaizkibel e a falta aínda de 84 para a meta, impulsada por unha sucesión de ataques e contraataques. Neste primeiro paso por Jaizkibel, e na continuación por Arkale, os ciclistas do Xacobeo Galicia víanse continuamente polas posicións dianteiras do pelotón, e mesmo tamén ata a metade da segunda e definitiva ascensión ao porto de primeira categoría.
Era un moi bo síntoma. Aínda que os corredores chegados do Tour, máis rodados, na segunda parte da ascensión a Jaizkibil dábanlle unha nova volta de porca á carreira, pero esta vez entrando en escena toda a artillería pesada: Vinokourov, Sastre, Gesink, Samuel Sánchez… e, chegando desde atrás, Luís León Sánchez, quen, sen deterse, lanzou un ataque a cincocentos metros da cima do porto.
A súa acción só puido ser respondida por Vinokourov e Sastre; os tres, con corenta quilómetros por diante, fóronse decididos cara a meta, con escasa marxe de vantaxe sobre un grupo perseguidor, pero con tempo suficiente para disputarse entre eles a vitoria nun sprint axustado entre o corredor kazako e Luís León Sánchez, favorable a este último.
Coa carreira fraccionada, tras o trío de cabeza chegaba un reducido grupo perseguidor, disgregado tamén polas súas batallas internas, unha vez que viron imposible contactar cos tres de vangarda e a continuación un pelotón de privilexio no que o Xacobeo Galicia colocaba a David García, vixésimo terceiro; Ezequiel Mosquera, trixésimo cuarto; e Veloso, trixésimo sexto, logo de realizar labores de lanzador para o primeiro dos seus compañeiros de equipo.
Equipos e Circuíto de Getxo
Por equipos, entre as vinte e unha formacións participantes, o Xacobeo Galicia só se vía superado por Saxo Bank, primeiro, Caisse D´Epargne e Euskaltel. Mañá disputará o Circuíto de Getxo, baixo a dirección deportiva de Jesús Blanco Villar, con Gustavo César Veloso, Delio Fernández, Alberto Fernández, David García, Vladimir Isaychev, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal, Gustavo Rodríguez, Francisco Pacheco y José Antonio De Segovia.
Álvaro Pino: "A valoración é positiva, pero o equipo para a Volta decidirase en Burgos e Portugal"
O manager-director deportivo do Xacobeo Galicia expúxose a Clásica de San Sebastián como unha avaliación xeral de cara á Volta a España e acabou máis tranquilo e con menos interrogantes que ao comezo da carreira guipuscoana:
"A valoración que fago é positiva. Estivemos aí e cunha boa presenza como o confirma o cuarto posto por equipos. Faltounos meter un ciclista diante, pero Ezequiel (Mosquera) comentoume que estivo a piques de entrar no grupo de Samuel Sánchez, que lle faltou moi pouco, seguramente esa faísca que dá o ritmo de competición do Tour. Pero confirma que está ben", dixo, nunha primeira análise.
"Saio máis tranquilo da Clásica de San Sebastián, porque me entraron moitas dúbidas tras a Clásica de Ordizia, onde o equipo estivo por baixo do nivel que lle corresponde, ata o punto de chegar a dicirlles aos corredores que tivesen presente que para a Volta a España só había un corredor fixo, Ezequiel, e que os demais tíñanse que gañar o posto nestas carreira previas. O cal era absolutamente certo", seguiu apuntando Álvaro Pino.
"E iso sigue sendo así. Hoxe deuse un paso, puiden aclarar algúns aspectos, pero a selección definitiva decídese entre as voltas a Burgos e Portugal. Porque outra cousa que lles dixen aos corredores é que non pensen os que van a Burgos, por ese simple feito, xa teñen o posto gañado. Este ano hai máis competencia que nos anteriores, ciclistas cun nivel parello e, ao final, decidirá a forma e as ganas que mostre cada un tanto en Burgos como en Portugal", engadiu, finalmente, rotundo.